Tuesday 14 de May de 2024

Máis de medio cento de estudantes de nove institutos participan no lanzamento dos seus satélites no programa Cansat


Fixeron todas as fases dun proxecto espacial real, desde os obxectivos da misión á creación da peza a pequena escala enviada hoxe desde o aeródromo de Rozas

A Xunta organiza en Galicia por segundo ano esta iniciativa promovida pola Axencia Espacial Europea para impulsar a ciencia e tecnoloxía no alumnado

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicitou aos participantes por formar parte deste desafío que pon en valor os seus coñecementos tecnolóxicos

Máis de medio cento de estudantes de nove institutos galegos participaron hoxe na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que hoxe se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas.

A inauguración da xornada contou coa participación do o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que agradeceu o esforzo de todos os participantes, desde alumnado ata profesorado, “por formar parte unha vez máis deste desafío no que Galicia demostra o interese e as posibilidades da formación en tecnoloxía para as novas xeracións”, por iso, animou aos participantes a “inspirar a outros moitos compañeiros e centros educativos a achegar a importancia da ciencia como valor educativo e cultural”.

Os alumnos participantes foron os equipos Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do IES Eusebio da Garda, na Coruña; Le Sat, do IES A Xunqueira I de Pontevedra; PonteSat do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo; SaviSAT do CPI Dr. López Suárez de O Saviñao; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR Las Acacias, en Vigo e Ortisats, do IES Ortigueira.

O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Durante a xornada de hoxe presentaron os seus proxectos e lanzaron desde un dron os CanSat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.

O resultado, o 2 de xuño
Todo o proceso de lanzamento foi gravado e documentado e formará parte dun completo vídeo que poderá visualizarse na vindeira sesión do día 2 de xuño, cando se dará conta do proxecto elixido. A gravación é necesaria para verificar que todos os Cansats participantes descenderon controladamente e tomaron terra con seguridade. Foron xa recuperados para ser entregados de xeito inmediato aos equipos participantes.

O resultado dos proxectos será avaliado os vindeiros días e o elixido -que representará a Galicia na fase nacional- darase a coñecer na xornada o 2 de xuño. Participará con equipos de toda España no verán en Granada. Á súa vez, o gañador da competición nacional poderá participar na competición internacional CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) a nivel europeo, esta vez de xeito virtual en setembro.

A edición 2021 de CanSat organízase este ano por segunda vez baixo o impulso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade -coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago- e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative.